Manuel Nieto e José Fdez. Alborés asinaron hoxe o acordo de colaboración entre UCOGA e a Asociación
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) e a correduría de seguros UCOGA Asesores asinaron hoxe un convenio de colaboración para mellorar os servizos que a área empresarial ofrece aos seus asociados. O acordo foi subscrito polo presidente de entidade empresarial, José Fernández Alborés, e o representante de Ucoga, Manuel Nieto
O convenio, dun ano de vixencia, céntrase en dous obxectivos fundamentais dos que se poderán beneficiar empresas asociadas á entidade empresarial e os seus propios empregados. En primeiro lugar, Ucoga ofrecerá servizos de distribución de seguros para os asociados da entidade do Tambre. En concreto, ofrecerase asesoramento independente, baseado nunha análise obxectiva e personalizada, ofrecendo os produtos que mellor se adapten ao perfil e intereses da empresa. Outro aspecto será a análise das necesidades e esixencias da empresa para a subscrición dun contrato de seguro, de plena eficacia e axeitada cobertura. Ademais, Ucoga ofrecerá xestión e asistencia na contratación do seguro, e asesoramento á empresa, asegurados e beneficiarios en caso de sinistro.
Tamén o acordo servirá para impulsar e promocionar actuacións encamiñadas a mellorar a actividade e cooperación empresarial, información e formación, dentro dos servizos e competencias de ambas entidades. Organizaranse conxuntamente xornadas ou talleres formativos nas instalacións do Centro Empresarial do Tambre.