A piques de concluir o Programa Integrado de Emprego “Tambre Traballa III” desenvolto pola Asociación Área Empresarial do Tambre acadouse o acceso ao mercado laboral do 68,23% dos participantes.
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) fai balance das accións da última edición do Programa Integrado de Emprego “TAMBRE TRABALLA III”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos programas da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).
A Asociación Área Empresarial do Tambre sinala que un 68,23% das persoas participantes accederon a un emprego. En total, a organización explica que se conseguiron 143 ofertas de emprego entre as preto de 400 empresas asociadas á entidade.
O programa “Tambre Traballa III” está destinado a desenvolver unha serie de accións: orientación e asesoramento para unha busca efectiva de emprego, formación e prospección laboral en empresas, para coñecer in situ as necesidades que teñen e as compañías e adecuarse as súas demandas.
Así sinalan que se realizaron preto de 350 de entrevistas de orientación individual, onde se ofreceu axuda coa realización ou modificación de currículo, a preparación de entrevistas de traballo, asesoramento e resolución de dúbidas.
Por outra banda nesta convocatoria executáronse 34 acción formativas. En concreto, organizáronse tres itinerarios de emprego de operaria/o de almacén e loxística, xestión comercial e atención aos clientes e comercio e loxística que posibilitaron a realización de máis de 2000 horas de prácticas laborais, unha ferramenta que as empresas sinalan como moi interesante para a adecuación das persoas ao posto de traballo.